Vostede está aquí

O Centro Dramático Galego e Talía Teatro homenaxea a Carlos Casares cunha aproximación escénica á súa novela, Os mortos daquel verán

  • Os mortos daquel verán, unha aproximación escénica á novela de Carlos Casares
Carlos Casares é o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Para conmemorar esta data, Talía Teatro e o Centro Dramático Galego levarán ás táboas unha aproximación escénica dunha das súas novelas máis relevantes, Os mortos daquel verán. A obra será estreada no Auditorio Municipal de Ourense, cidade natal do autor, o próximo venres 12 de maio ás 20:30 h. Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Diego Rey, Artur Trillo, Rubén Prieto, Marta Ríos,  Gustavo G. Dieste e Xurxo Barcala protagonizan esta esta montaxe.
Artur Trillo asina ademais a adaptación textual e dirixe esta versión da obra, que explora a linguaxe innovadora e a extraordinaria solvencia narrativa da novela, publicada en 1987 pola editorial Galaxia. 
A aparición do cadáver do boticario Modesto Vilariño Dacal, morto supostamente en accidente ao comezo da guerra civil, pon en marcha unha investigación xudicial na que unha rica galería de personaxes irá aportando o seu testemuño para intentar esclarecer o caso.
O pulo para acadar a verdade, a crítica do dogmatismo e das diversas formas de violencia opresora son as forzas que inspiran esta proposta, escrita nun rexistro innovador e cunha orixinal estrutura. Unha obra dirixida a un público adulto que analiza as complexas relacións sociais das vilas galegas de principios do século XX. 
Artur Trillo encárgase da adaptación do texto e dirección da montaxe, Dani Trillo asina o deseño e realización da escenografía e Diego Rey ocúpase da selección musical desta proposta, na que participa tamén Martina Cambeiro, encargada do deseño de maquillaxe e vestiario da obra. 
As entradas para asistir á estrea poden adquirirse xa no despacho de billetes virtual do Auditorio Municipal de Ourense. Os días 16, 17 e 18 a obra visitará tamén o Salón Teatro de Santiago de Compostela con tres sesións ás 20:30 h e dúas funcións matutinas para escolares da localidade. A compra de entradas para estes pases pode realizarse xa no a través da web de ABanca.
A compañía
O Centro Dramático Galego coproduce esta montaxe xunto a Talía Teatro, compañía galega que leva case trinta anos sobre as táboas traballando a prol da dignificación do teatro e das artes escénicas como transmisores dos valores culturais do país. Con esta proximación escénica amosan a súa versatilidade e capacidade de adaptación a novos formatos e propostas, alén de homenaxear a un dos mellores autores galegos do século XX. 
 

Engadir un novo comentario