Vostede está aquí

Talía estrea o 3 de marzo Ubú Rei en Narón

  • Talía Teatro estrea Ubú Rei, de Alfred Jerry

Talía Teatro estrea o próximo venres, 3 de marzo, ás 20:30 h no Pazo da Cultura de Narón o seu último espectáculo, Ubú Rei. Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo, Marta Lado, Dani Trillo e Rubén Prieto protagonizan esta adaptación dunha das obras máis representativas da historia do teatro contemporáneo.

A nova proposta de Talía Teatro vén referendada por un dos grandes nomes da escena galega, Roberto Salgueiro, quen dirixe e adapta o texto de Alfred Jarry nunha versión libre que pretende conservar a distorsión sintáctica do orixinal e o seu carácter inxenuo e profundamente teatral.

Nesta ocasión a acción sitúase no porto de Belfast, onde Ubú O’Reilly terá como aliado a un Bordure transfigurado en Liam O’Connor para destronar ao rei do porto: Dugan O’Sullivan. Maragotas, tabaco de contrabando, os costumes ancestrais de Osetia e un cadro variopinto de situacións paradoxais conforman unha historia cómica que transita veloz sobre o seu propio escenario, constituíndo ao mesmo tempo unha visión crítica do noso presente a pesar da súa inxenuidade. Unha sátira para todos os públicos que reflexiona sobre a violencia, o abuso de poder, a corrupción e a ambición sen límites.

Roberto Salgueiro encárgase do deseño do espazo escénico, o vestiario e a iluminación da obra, Dani Trillo asina a realización da escenografía e o atrezzo e Artur Trillo e Auri Ferreiro ocúpanse da distribución e produción desta proposta, na que participan, así mesmo, Martina Cambeiro (deseño de maquillaxe), Bety Sieira (vestiario) e Rubén Prieto (fotografía e vídeo).

As entradas para asistir á estrea de Ubú Rei poden adquirirse xa no despacho de billetes virtual do Padroado da Cultura de Narón. O sábado 4 de marzo ás 20 h a compañía realizará un segundo pase da obra.

Engadir un novo comentario