Vostede está aquí

Talía presenta aos escolares de Ferrol e Narón a súa obra Rosa Caramelo

Talía presentará aos escolares de Ferrol e Narón o seu espectáculo ‘Rosa caramelo e outras historias’. Os máis cativos poderán desfrutar a próxima semana desta obra, construída a partir de catro coñecidos relatos da autora italiana Adela Turín que ofrecen unha reflexión sobre o xénero, os seus roles e estereotipos. 
 
Dirixida por Paula Carballeira- autora teatral, poeta e actriz-, a montaxe está protagonizada polo actor Artur Trillo e o acordeonista Fernando Fraga. Os dous artistas combinan a palabra e a música nunha peza pensada para nenos e nenas de entre 4 e 8 anos de idade. A obra achega aos máis cativos os relatos de Adela Turín, que comezou a publicar a súa colección de historias fabuladas hai máis de 30 anos no seu país natal, converténdose axiña nunha serie de referencia internacional para a educación na igualdade.
 
Con esta montaxe, Talía Teatro leva a escena catro dos seus relatos máis populares: ‘Rosa caramelo’, ‘A historia dos bonobos con lentes’, ‘Unha feliz catástrofe’ e ‘Artur e Clementina’, todos eles publicados en galego, catalán e castelán pola editorial Kalandraka dentro da colección dedicada á autora italiana. A través destas historias, a compañía dálle a volta aos roles de xénero e os seus estereotipos, desmontando unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre certas actitudes e aptitudes de mulleres e homes.
 
Os estudantes de Ferrol asistirán ás representacións no Teatro Jofre os días 14 e 15 de novembro. O 16, 17 e 18 de novembro Talía ofrecerá seis funcións para escolares no Auditorio Municipal de Narón. Así mesmo, o domingo 27 de novembro a compañía levará a peza ao Centro Sociocultural de Laraño. 
 
Máis información:
 
Categoría: 

Engadir un novo comentario