Vostede está aquí

Talía presenta en Monforte a súa obra Foucellas

  • Talía presenta en Monforte a súa obra Foucellas - Talia teatro - 525

A compañía galega Talía Teatro presenta este xoves, once de maio, ás 20:15 h. no Edificio Multiusos de Monforte a súa obra ‘Foucellas’. Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo dan vida á historia do famoso maquis galego, na que ficción, mito e realidade mistúranse para nos propoñer unha reflexión sobre un momento único e determinante da nosa historia.

Esta proposta vén referendada por un dos grandes nomes da escena galega, Cándido Pazó, quen dirixe e asina o texto orixinal escrito ex profeso para este espectáculo. Unha peza dramática que, alén de afondar no mítico personaxe galego de Foucellas, propón unha reflexión profunda sobre un transo co que, privada ou colectivamente, ás veces nos enfrontamos: a xestión da esperanza e a administración da derrota.

Dani Trillo asina a escenografía e o deseño gráfico da obra, mentres que Artur Trillo encárgase da distribución desta proposta, na que participan, así mesmo, Afonso Castro (iluminación), Martina Cambeiro (vestiario e maquillaxe), Manuel Riveiro (música), Auri Ferreiro (produción), Rubén Prieto (fotografía e vídeo) e Belén Pichel (axudante de dirección). A obra foi recentemente galardoada co Premio María Casares á Mellor Escenografía. As entradas para asistir á representación de ‘Foucellas’ poderán adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día do espectáculo.

Engadir un novo comentario