Vostede está aquí

Talía presenta no Teatro do Andamio a súa obra infantil Rosa Caramelo

  • Talia Teatro leva Rosa Caramelo o Teatro Andamio
Talía Teatro presentará no Teatro do Andamio o seu espectáculo infantil ‘Rosa caramelo e outras historias’ con tres pases esta fin de semana:  ás 18 h. o sábado 18 de febreiro e ás 12:30 h. e 18 h. o domingo 19 de febreiro.
 
Dirixida por Paula Carballeira- autora teatral, poeta e actriz-, a montaxe está protagonizada polo actor Artur Trillo e o acordeonista Fernando Fraga. Os dous artistas combinan a palabra e a música nunha peza pensada para nenos e nenas de entre 4 e 8 anos de idade. A obra achega aos máis cativos os relatos de Adela Turín, que comezou a publicar a súa colección de historias fabuladas hai máis de 30 anos no seu país natal, converténdose axiña nunha serie de referencia internacional para a educación na igualdade.
 
Con esta montaxe, Talía Teatro leva a escena catro dos seus relatos máis populares: ‘Rosa caramelo’, ‘A historia dos bonobos con lentes’, ‘Unha feliz catástrofe’ e ‘Artur e Clementina’, todos eles publicados en galego, catalán e castelán pola editorial Kalandraka dentro da colección dedicada á autora italiana. A través destas historias, a compañia dálle a volta aos roles de xénero e os seus estereotipos, desmontando unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre certas actitudes e aptitudes de mulleres e homes. 

Engadir un novo comentario