Vostede está aquí

Talía Teatro leva a Xove e Compostela a súa obra infantil Rosa Caramelo

  • Talía Teatro leva a Xove e Compostela a súa obra infantil Rosa Caramelo - Talia teatro - 537

Talía Teatro levará este verán a Xove e Santiago de Compostela o seu espectáculo infantil "Rosa caramelo e outras historias’. A primeira actuación, en formato contacontos, terá lugar o xoves 17 de agosto ás 18 h no Salón de Actos do Centro Cívico de Xove e enmárcase dentro do programa "Ler Conta Moito" da Xunta de Galicia. A segunda actuación, terá lugar nos xardíns do Parque de Bonaval de Santiago de Compostela o xoves 31 de agosto ás 19 h. Esta representación formará parte do programa “Cultura no camiño” desenvolvido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia.

Dirixida por Paula Carballeira- autora teatral, poeta e actriz-, a montaxe está protagonizada polo actor Artur Trillo e o acordeonista Fernando Fraga. Os dous artistas combinan a palabra e a música nunha peza pensada para nenos e nenas de entre 4 e 8 anos de idade. A obra achega aos máis cativos os relatos da italiana Adela Turín, que comezou a publicar a súa colección de historias fabuladas hai máis de 30 anos no seu país natal, converténdose axiña nunha serie de referencia internacional para a educación na igualdade. Con esta montaxe, Talía Teatro leva a escena catro dos seus relatos máis populares: ‘Rosa caramelo’, ‘A historia dos bonobos con lentes’, ‘Unha feliz catástrofe’ e ‘Artur e Clementina’, todos eles publicados en galego, catalán e castelán pola editorial Kalandraka dentro da colección dedicada á autora italiana. A través destas historias, a compañia dálle a volta aos roles de xénero e os seus estereotipos, desmontando unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre certas actitudes e aptitudes de mulleres e homes.

Engadir un novo comentario