Vostede está aquí

Talía Teatro presenta dous dos seus espectáculos en Padrón

Talía Teatro presenta a primeira semana de decembro dous dos seus últimos espectáculos en Padrón. A primeira obra que levará ao Auditorio Municipal o próximo sábado, 3 de decembro ás 19 h., é Foucellas. Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo dan vida á historia do famoso maquis galego, na que ficción, mito e realidade se mesturan para nos propoñer unha reflexión sobre un momento único e determinante da nosa historia.

A proposta ven referendada por un dos grandes nomes da escena galega, Cándido Pazó, quen dirixe e asina o texto orixinal escrito ex profeso para este espectáculo. Unha peza dramática que, alén de afondar no mítico personaxe galego de Foucellas, propón unha reflexión profunda sobre un transo co que, privada ou colectivamente, ás veces nos enfrontamos: a xestión da esperanza e a administración da derrota.

O seu segundo espectáculo, Xango, será presentado aos escolares da localidade o luns, cinco de decembro. Os actores Toño Casais e Dani Trillo son os dous únicos protagonistas desta divertida historia, que invita aos máis cativos a reflexionar sobre o uso das novas tecnoloxías. Diego Rey dirixe esta proposta infantil que toma como punto de partida a historia dun home que foi engulido pola súa propia tablet e que inclúe chiscadelas ás técnicas do mimo e do clown.

Engadir un novo comentario