O teatro é como a misa. Para sentir completamente os seus efectos hai que ir frecuentemente. Alain Émile Chartier
Próximos eventos
Campaña Escolar
SETE GALARDÓNS NOS PREMIOS MARÍA CASARES !!!
Estamos que botamos por fóra de contentas polos 7 galardóns de UNHA INIMIGA DO POBO nos Premios María Casares.
- Mellor espectáculo
- Mellor dirección: Tito Asorey
- Mellor actriz protagonista: Marta Lado
- Mellor actor secundario: Toño Casais
- Mellor adaptación: Vanesa Sotelo e Tito Asorey
- Mellor Iluminación: Laura Iturralde
- Mellor espazo escénico: Dani Trillo
Artur Ui, o ovo da serpe regresa a Santiago dentro de Galicia Escena Pro tras a súa xira por Galicia
Despois da súa estrea na Coruña e dunha intensa xira por Galicia, Artur Ui, o ovo da serpe regresa a Santiago de Compostela da man de Galicia Escena Pro, a feira profesional das artes escénicas de Galicia que se celebra do 25 ao 28 de maio na capital galega e que reúne compañías, programadores, distribuidores e profesionais do sector arredor da creación escénica galega.
A función terá lugar o 25 de maio ás 18:30 h e Talía Teatro será unha das compañías galegas seleccionadas para presentar o seu espectáculo diante de programadores e profesionais chegados de distintos puntos do territorio.
Tras as funcións realizadas en A Coruña, Vigo, Cee, Lugo, Santiago de Compostela, Ames , a compañía continúa a xira de Artur Ui, o ovo da serpe, unha montaxe que afonda nos mecanismos do poder, a manipulación e o avance dos autoritarismos.
Baseada na obra de Bertolt Brecht, considerada unha das grandes sátiras políticas do teatro do século XX, a montaxe relata o ascenso dun líder mafioso que conquista o poder mediante a violencia, o medo e a manipulación. A historia funciona como unha parábola sobre como os autoritarismos poden medrar cando a sociedade os tolera ou decide mirar para outro lado.
Nesta versión de Talía Teatro e Quico Cadaval, o universo da obra trasládase cara ao Extremo Oriente, construíndo unha proposta estética contemporánea que mestura elegancia visual, humor, ironía e tensión dramática. A produción incorpora referencias á cultura visual oriental contemporánea para crear unha experiencia escénica impactante e profundamente actual.
O elenco de Artur Ui, o ovo da serpe está formado por Dani Trillo, Marta Lado, Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Xurxo Barcala e Artur Trillo, nun espectáculo de gran formato que implica a todo o equipo artístico e técnico de Talía Teatro.
Con esta participación en Galicia Escena Pro, Talía Teatro continúa reforzando a presenza do teatro galego nos principais espazos profesionais das artes escénicas.




