Vostede está aquí

Adultos

A primeira vez

É a décima vez que soa o teléfono na metade da noite. Despois de atravesar a cidade horriblemente iluminada, no medio da chuvia, deambular entre bloques de vivendas, atopar o edificio, a escaleira, o piso e a porta...el e ela confróntanse de novo para trazar o itinerario da súa primeira vez.

Defendida a toda costa por el, sabotada polas constantes saídas de ton dela, querendo e non; un asúmea como feito necesario, oportuno e desexado, pero intranscendente, mentres que a outra ansía unha primeira vez perfecta, resultado dunha decisión moi meditada, ata o extremo.

Vida de cans

Tres actores. Tres cans. Ou tres actores que fan de can. Sen deixar de ser actores. Sen deixar de ser cans. Están recluídos nun recinto que lles preparou o seu amo. Moi grande, moi cómodo, moi ameno, moi limpo... pero recinto Ben tratados, ben atendidos, ben alimentados, ben acariñados... pero recluídos. Fóra do recinto está a liberdade. Cos seus desacougos, as súas incertezas, os seus problemas, os seus perigos... pero liberdade. Cada un dos tres afronta o conflito segundo a súa personalidade. Ou segundo a súa canalidade. E todo vai derivando cara unha traxedia...

O servidor de dous amos

Talía teatro presenta unha revisión do clásico O servidor de dous amos, un dos textos inmortais da historia do teatro. Convertido no referente por excelencia da Commedia dell’Arte, atoparedes aquí unha reinvención da obra de Goldini que respecta o ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal, pero que busca tamén incorpora novas formas de teatralidade.

Os mortos daquel verán

Talía teatro e o Centro Dramático Galego presentan unha aproximación escénica á novela de Carlos Casares, Os mortos daquel verán.
A aparición do cadáver do boticario Modesto Vilariño Dacal, morto supostamente en accidente ao comezo da guerra civil, pon en marcha unha investigación xudicial na que unha rica galería de personaxes irá aportando o seu testemuño para intentar esclarecer o caso.

Ubú rei

Tantas veces visitado o Ubú Rei de Alfred Jarry, desta vez poñemos os ollos para miralo desde o porto de Belfast, nunha versión que pretende conservar a distorsión sintáctica do orixinal e o seu carácter inxenuo e profundamente teatral. Nesta ocasión, Ubú O´Reilly terá como aliado a un Bordure transfigurado en Liam O´Connor para destronar ao rei do porto: Dugan O´Sullivan.

Foucellas

Ano 1952. Un maquis, un guerrilleiro, un resistente. Un dos últimos homes do monte. Dos que a xente podía chamar, xenericamente, un ‘foucellas’. Mesmo podería ser o Foucellas. Ou non. Ou si. Quen sabe!
Firmeza, teimosía, dúbida, certeza, lealdade, inercia, utopía, inxenuidade, rebeldía, resignación, adaptabilidade, determinación... as armas dunha crúa batalla dialéctica nun tempo terminal.

Pelos na lingua

Un divertido espectáculo-collage que fala en clave positiva da situación crítica que está vivir a lingua galega.  

Demolición

Unha proposta entre o humor e a emoción, entre a dor e o pracer, entre o divertimento e a reflexión.

Unha situación, un conflito, personaxes e diálogo

Catro pés para o banco da comunicación teatral. Hai outros. Pero quixemos probar se chegaba con estes para que o banco se mantivese en pé.

“Comidrama”

Xa que o concepto existe, outorguémoslle un nome.

Un termo que exprese esa alquimia dramática entre o humor e a emoción, entre a dor e o pracer, entre o divertimento e a reflexión.

O Método Grönholm

Un espectáculo para público adulto, no que o autor xoga descaradamente cos personaxes e co espectador, manipulándoos e sacudíndoos sen pudor.  

A proposta de Galcerán é portadora dun corrosivo compoñente crítico disfrazado de ideoloxía neoliberal, dunha carga de cinismo nada despreciable e dunha impresionante capacidade para xogar 'perigosamente' con cousas serias co mesmo talante que se estivese xogando á brisca ou ás prendas.

Bicos con Lingua

Bicos con lingua é un espectáculo en clave de comedia no que a través de diversas situación cotiás invita a unha fonda reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega.