Esta semana Talía Teatro visitará Ponteareas e Salvaterra de Miño. Os días 4, 5 e 28 de abril a compañía compartirá cos escolares do Condado as súas obras infantís “Sopa de Sapo” e “Xango”, en tres actuacións xestionadas pola Federación de ANPAS de Ponteareas.
O martes, 4 de abril, Talía desembarcará en Ponteareas co seu espectáculo infantil “Sopa de Sapo”. Unha comedia escrita e dirixida por Artur Trillo que mergulla aos máis cativos nos contos tradicionais de bruxas e feitizos. Protagonizada por María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos e Rubén Prieto, están previstas dúas funcións máis para o mércores 5 de abril.
Os escolares de Salvaterra de Miño tamén disfrutarán do teatro o venres 28 de abril. Talía volverá a subirse aos escenarios do Condado coa súa obra “Xango”, un espectáculo de mimo e clown protagonizado por Dani Trillo e Toño Casais que reflexiona sobre o impacto que as novas tecnoloxías teñen nas nosas vidas.
Bicos con Lingua en Cabanas
Continuando coas funcións escolares, Talía Teatro visitará tamén o IES Cabanas o mércores cinco de abril. Ata Bergantiños achegará unha das súas obras máis representativas, Bicos con Lingua. Levada aos escenarios 330 veces e estreada no ano 2003, é a montaxe máis representada da historia do teatro galego. Unha divertida comedia dirixida por Avelino González, na que Toño Casais e Artur Trillo profundan na situación sociolingüística de Galicia.
Engadir un novo comentario