A pesar da súa inxenuidade, Ubú Rei fala da violencia e do abuso de poder, da corrupción e da ambición sen límites. Podemos establecer paralelismos co noso presente?
Eu creo que podemos establecer un paralelismo total. Aínda que a corrupción existe sempre, nos períodos de crise é cando resulta máis evidente. Cando a xente está cómoda non se lembra dela, pero cando o peto lle aperta é cando esixe solucións e respostas a problemas que sempre existiron. Neste caso, Ubú Rei resulta ser un texto de grandísima actualidade precisamente por iso. Hai unha década o máis probable é que a obra fose considerada como algo máis naíf, máis branco, un texto cun humor máis cómodo. Sen embargo, o teatro ten a capacidade de adaptarse aos cambios da sociedade e os mesmos textos mudan o seu significado en función dos acontecementos históricos, das situación que atravesan os países e as sociedades. É o bo do teatro, que sempre está vivo.
Ubú Rei é unha das obras máis relevantes do teatro contemporáneo. Como abordaches o desafío de levala a escena?
Eu xa traballara en varias ocasións con este e os outros Ubús de Jarry, pero desta vez procuraba a actualización textual. O texto ten hoxe en día unha transcendencia política moi importante. Orixinalmente, Ubú Rei era un texto desmedido e procaz, pensado para agredir ao público, pero co paso do tempo a súa procacidade perdeu forza e acabou converténdose nunha montaxe case infantil. Neste senso e dende a perspectiva textual, interesábame manter o atrevemento, o insulto amable, a agresividade existente no texto orixinal. Foi o punto de partida desde o que comecei a abordar o proxecto. Curiosamente, segundo ía ensaiando e escribindo a adaptación ía afirmando a total actualidade do texto.
O texto pendula entre os parámetros orixinais e os contidos propios. Tantas veces revisada, desta volta Ubú visita o porto de Belfast, o contrabando e as maragotas. Que muda nesta adaptación?
Levar o texto orixinal unha vez máis a escena para min non tiña moito sentido. Ubú Rei ten sido representado tantas veces desde a súa integridade textual absoluta que considerei que era necesario revisitar o texto, velo con outros ollos. Dende logo, nesta montaxe estamos ante o Ubú Rei de Alfred Jarry, pero reescrito. Aínda que seguimos a estrutura, natureza, estilo, linguaxe e definición estética suxeridas polo autor podemos dicir que máis que unha adaptación literaria é unha versión libre. Nesta ocasión, trasladamos a historia de Polonia a Irlanda, nun universo recoñecible para o espectador galego e tratamos de destacar todo o subtexto político, perfectamente identificable co noso país e coa nosa época.
Na obra, algúns personaxes póñense a cargo dun mesmo intérprete e ningún actor abandona o escenario ata o final. Como foi o traballo co elenco?
A proposta escénica xorde como un reto para escapar da metateatralidade e historias habituais, xa que o texto orixinal é unha parodia do teatro que se facía naquel momento. Por iso quixemos converter a representación nun desafío, nunha proposta diferente ao que adoitamos ver: dez personaxes nun espazo de oito metros cadrados que non abandonan durante todo o tempo de representación.
A brutalidade do texto deixa cabida tamén o humor, nun xogo sobre as táboas que pretende ser disfrutable tanto para intérpretes como espectadores. É a risa, ás veces, o único que nos queda?
Na adaptación literaria procurei evidenciar a procacidade da linguaxe coa que Jarry escribiu o seu texto. Tentei escapar da versión máis naíf e conservar, na medida do posible, o espírito atrevido da obra orixinal, logrando a convivencia da brutalidade implícita na propia obra co humor. O texto conta unha historia terriblemente violenta, sen embargo, quixen sempre conservar a súa comicidade. Podemos falar, quizais, dunha comedia atroz. Porque a risa non é un residuo, senón aquilo que lle da sentido a nosa vida.
Engadir un novo comentario