Vostede está aquí

Talía leva a Cee a súa obra Foucellas

  • Talía leva a Cee a súa obra Foucellas - Talia teatro - 551

compañía galega Talía Teatro presenta este luns, 21 de agosto, ás 21:30 h. en Cee o seu espectáculo ‘Foucellas’. Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo dan vida á historia do famoso maquis galego, na que ficción, mito e realidade se mesturan para nos propoñer unha reflexión sobre un momento único e determinante da nosa historia.
A proposta ven referendada por un dos grandes nomes da escena galega, Cándido Pazó, quen dirixe e asina o texto orixinal escrito ex profeso para este espectáculo. Unha peza dramática que, alén de afondar no mítico personaxe galego de Foucellas, propón unha reflexión profunda sobre un transo co que, privada ou colectivamente, ás veces nos enfrontamos: a xestión da esperanza e a administración da derrota.
Dani Trillo asina a escenografía da obra, premiada na última edición dos Premios María Casares, mentres que Artur Trillo se encarga da distribución desta proposta, na que participan, así mesmo, Afonso Castro (iluminación), Martina Cambeiro (vestiario e maquillaxe), Manuel Riveiro (música), Auri Ferreiro (produción), Rubén Prieto (fotografía e vídeo) e Belén Pichel (axudante de dirección).
A actuación forma parte da Rede Cultural da Deputación 2017 e enmárcase dentro da programación de Á EsCEEna!: III Semana de Teatro e das Artes Escénicas do Concello de Cee.

Engadir un novo comentario