Talía Teatro presenta no Teatro Colón a súa obra “Valentino Rufini e Âkil Pillabán de viaxe a Milán (e van sen un can)” en dous pases os días 2 e 3 de abril. A primeira actuación terá lugar o domingo 2 de abril ás 18 h nunha función para todos os públicos e a segunda, dirixida a escolares da localidade, o luns 3 de abril ás 11 h.
Dirixida por Roberto Salgueiro, a montaxe está protagonizada por dous actores cunha ampla traxectoria dentro da compañía: Dani Trillo e Diego Rey. O texto orixinal da obra foi publicado pola editorial Baía no ano 2009, converténdose axiña nunha lectura obrigatoria en moitos centros de ensino de educación primaria.
Pensada para un público infantil e familiar, a obra achega aos máis cativos a historia do cabaleiro Valentino Rufini, quen de regreso a súa casa en Milán é abandonado polo seu criado, que marcha cos seus cartos. Co seu baúl de viaxe e a súa faldriqueira baleira, o cabaleiro decide pasar a noite nunha casa en ruínas preto do camiño por onde pasa a carruaxe a Milán. No mesmo lugar atópase tamén Âkil Pillabán, un magrebí a quen a súa ama deixou só, sen cartos e cun baúl cheo de ostentosos traxes de señora. Ambos os dous coñeceranse e pasarán a noite xuntos, compartindo sospeitas, desexos e medos até que chegue a carruaxe. O espectáculo leva a rir sen medos e a pensar sen prexuízos, invitando ao espectador a reflexionar sobre as diferenzas culturais, as desconfianzas e as reticencias.
As entradas para asistir á obra poden adquirirse xa no despacho de billetes virtual do Teatro.
Engadir un novo comentario