Vostede está aquí

Talía presenta Ubú Rei no Teatro Principal

  • Talía presenta Ubú Rei no Teatro Principal - Talia teatro - 507

Talía Teatro levará a escena mañá, xoves 23 de marzo, ás 20:30 h no Teatro Principal de Santiago de Compostela o seu último espectáculo, Ubú Rei. Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo, Marta Lado, Dani Trillo e Rubén Prieto protagonizan esta adaptación dunha das obras máis representativas da historia do teatro contemporáneo.

A obra foi presentada hoxe na Casa do Concello de Santiago de Compostela pola tenente de alcalde, María Rozas, e os actores Artur Trillo, María Ordoñez e Toño Casais.  María Rozas quixo destacar durante a súa intervención “a importancia do texto de Alfred Jarry que foi estreado hai máis de 120 anos e que mudou para sempre a linguaxe teatral”. A tenente alcalde subliñou tamén “a actualidade do espectáculo que aborda e fala de problemáticas aínda vixentes coma a ambición, a corrupción ou a violencia do poder”.

Artur Trillo, director de Talía Teatro e actor do espectáculo, destacou durante a presentación “o reto que supuxo para a compañía poñer en escena un espectáculo de gran formato, cun elenco numeroso”. María Ordoñez, actriz protagonista da obra salientou tamén a “contemporaneidade desta comedia que leva ao espectador a unha reflexión profunda sobre o noso día a día e os seus problemas: o poder, a ambición desmedida e a perversión, caracteres universais que, por desgracia, nunca caducan”.

A nova proposta de Talía Teatro vén referendada por un dos grandes nomes da escena galega, Roberto Salgueiro, quen dirixe e adapta o texto de Alfred Jarry nunha versión libre que pretende conservar a distorsión sintáctica do orixinal e o seu carácter inxenuo e profundamente teatral. Toño Casais, actor protagonista da obra, destacou hoxe durante a súa intervención “a comicidade do espectáculo que Roberto Salgueiro soubo explorar sen perder a perversidade do texto inicial”. 

Nesta ocasión, o director sitúa a acción no porto de Belfast, onde Ubú O’Reilly terá como aliado a un Bordure transfigurado en Liam O’Connor para destronar ao rei do porto: Dugan O’Sullivan. Maragotas, tabaco de contrabando, os costumes ancestrais de Osetia e un cadro variopinto de situacións paradoxais conforman unha historia cómica que transita veloz sobre o seu propio escenario, constituíndo ao mesmo tempo unha visión crítica do noso presente a pesar da súa inxenuidade. Unha sátira para todos os públicos que reflexiona sobre a violencia, o abuso de poder, a corrupción e a ambición sen límites.

Roberto Salgueiro encárgase do deseño do espazo escénico, o vestiario e a iluminación da obra, Dani Trillo asina a realización da escenografía e o atrezzo e Artur Trillo e Auri Ferreiro ocúpanse da distribución e produción desta proposta, na que participan, así mesmo, Martina Cambeiro (deseño de maquillaxe), Bety Sieira (vestiario) e Rubén Prieto (fotografía e vídeo).

As entradas para asistir á obra poden adquirirse xa no despacho de billetes virtual de Abanca. O venres 24 de marzo e o sábado 25 de marzo a compañía realizará dous pases máis ás 20:30 h.

Engadir un novo comentario