Talía Teatro estreará a súa última montaxe, Ubu Rei, o 3 de marzo no Pazo da Cultura de Narón. Toño Casais, Marta Lado, María Ordóñez, Rubén Prieto, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo, Dani Trillo póñense nesta ocasión baixo ás ordes de Roberto Salgueiro, quen dirixe esta obra imprescindible do teatro moderno.
Escrita por Alfred Jarry no ano 1894, Ubu Rei é unha obra imprescindible no teatro moderno pola súa permanente actualidade. Unha proposta cruel e traxicómica sobre os extremos da ruindade e da degradación do ser humano que, un século despois, continúa a sorprender e marabillar aos espectadores. A súa relevancia radica no desconcerto que provoca, e na destrución de case todas as normas e tabús do teatro contemporáneo.
O seu protagonista, o innobre e grotesco Ubu, vai directo ao corazón da conciencia burguesa e aínda hoxe escandaliza nas súas numerosas representacións e adaptacións. Nesta versión, que Talía levará aos diferentes escenarios de Galicia, Roberto Salgueiro conserva o carácter metateatral do texto e focaliza a atención nas dúas ideas centrais do mesmo: poder e sexo.
A estrea da montaxe terá lugar no Pazo da Cultura de Narón o venres 3 de marzo ás 20:30 h. O sábado 4 de marzo terá lugar unha segunda función ás 20:00 h. As entradas para ambas representacións pódense comprar xa na páxina do Padroado de Narón.
Engadir un novo comentario