O teatro é como a misa. Para sentir completamente os seus efectos hai que ir frecuentemente. Alain Émile Chartier
Próximos eventos
Campaña Escolar
SETE GALARDÓNS NOS PREMIOS MARÍA CASARES !!!
Estamos que botamos por fóra de contentas polos 7 galardóns de UNHA INIMIGA DO POBO nos Premios María Casares.
- Mellor espectáculo
- Mellor dirección: Tito Asorey
- Mellor actriz protagonista: Marta Lado
- Mellor actor secundario: Toño Casais
- Mellor adaptación: Vanesa Sotelo e Tito Asorey
- Mellor Iluminación: Laura Iturralde
- Mellor espazo escénico: Dani Trillo
Talía Teatro estrea Artur Ui, o ovo da serpe no Teatro Rosalía Castro da Coruña e inicia a súa xira en marzo
Talía Teatro estrea Artur Ui, o ovo da serpe, a súa nova produción dirixida por Quico Cadaval a partir do clásico A resistible ascensión de Artur Ui de Bertolt Brecht. A estrea absoluta terá lugar os días 13 e 14 de marzo ás 20:30 h no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, antes de iniciar unha xira por varias cidades galegas durante o mes de marzo.
Considerada unha das grandes sátiras políticas do teatro do século XX, a obra de Brecht relata o ascenso dun líder mafioso que conquista poder mediante a manipulación, a violencia e o medo. A historia funciona como unha parábola sobre como os autoritarismos poden medrar cando a sociedade os tolera ou mira para outro lado.
Nesta versión, Talía Teatro e Quico Cadaval desprazan o universo da obra cara ao Extremo Oriente, construíndo unha proposta estética que mestura elegancia e horror e incorpora referencias á cultura visual oriental contemporánea. O resultado é unha sátira política vibrante que combina humor, ironía e reflexión crítica.
O elenco está formado por Dani Trillo, Marta Lado, Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Xurxo Barcala e Artur Trillo, nun espectáculo de gran formato que implica a todo o equipo artístico da compañía.
Despois da estrea na Coruña, Artur Ui, o ovo da serpe poderá verse durante o mes de marzo en:
-
13 e 14 de marzo – A Coruña
-
20 de marzo – Vigo
-
21 de marzo – Cee
-
22 de marzo – Lugo
-
26 e 27 de marzo – Santiago de Compostela
A montaxe conta coa axuda á creación escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) na modalidade plurianual.
Ademais, seguimos de xira cos espectáculos: Un deus salvaxe, Desexo, A parábola do angazo, Bicos con lingua, Voa, voa! e Rosa caramelo e outras historias.
Podedes consultar todas as datas no noso calendario.



