Vostede está aquí

Drama

Unha inimiga do pobo

Unha inimiga do pobo é a adaptación dunha das pezas máis significativas da literatura dramática universal. Cento corenta anos despois o texto de Henrik Ibsen segue a servir de material inflamable para denunciar unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación, ao tempo que permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interesa.

A primeira vez - Talia teatro - 33

A primeira vez

É a décima vez que soa o teléfono na metade da noite. Despois de atravesar a cidade horriblemente iluminada, no medio da chuvia, deambular entre bloques de vivendas, atopar o edificio, a escaleira, o piso e a porta...el e ela confróntanse de novo para trazar o itinerario da súa primeira vez.

Defendida a toda costa por el, sabotada polas constantes saídas de ton dela, querendo e non; un asúmea como feito necesario, oportuno e desexado, pero intranscendente, mentres que a outra ansía unha primeira vez perfecta, resultado dunha decisión moi meditada, ata o extremo.

Os mortos daquel verán - Talia teatro - 27

Os mortos daquel verán

Talía teatro e o Centro Dramático Galego presentan unha aproximación escénica á novela de Carlos Casares, Os mortos daquel verán.
A aparición do cadáver do boticario Modesto Vilariño Dacal, morto supostamente en accidente ao comezo da guerra civil, pon en marcha unha investigación xudicial na que unha rica galería de personaxes irá aportando o seu testemuño para intentar esclarecer o caso.

Foucellas - Talia teatro - 23

Foucellas

Ano 1952. Un maquis, un guerrilleiro, un resistente. Un dos últimos homes do monte. Dos que a xente podía chamar, xenericamente, un ‘foucellas’. Mesmo podería ser o Foucellas. Ou non. Ou si. Quen sabe!
Firmeza, teimosía, dúbida, certeza, lealdade, inercia, utopía, inxenuidade, rebeldía, resignación, adaptabilidade, determinación... as armas dunha crúa batalla dialéctica nun tempo terminal.

Demolición - Talia teatro - 7

Demolición

Unha proposta entre o humor e a emoción, entre a dor e o pracer, entre o divertimento e a reflexión.

Unha situación, un conflito, personaxes e diálogo

Catro pés para o banco da comunicación teatral. Hai outros. Pero quixemos probar se chegaba con estes para que o banco se mantivese en pé.

“Comidrama”

Xa que o concepto existe, outorguémoslle un nome.

Un termo que exprese esa alquimia dramática entre o humor e a emoción, entre a dor e o pracer, entre o divertimento e a reflexión.